Últimas datas para apuntarse ao concurso de novos talentos ‘Talentiño’ da Intrabarrial de Canido
Poderán presentarse aqueles rapaces e rapazas da comarca de ferrolterra con idades entre 6 e 18 anos
O tecido veciñal de Canido xunto ao Concello de Ferrol intentan buscar novos talentos, xóvenes, das artes musicais e da danza nun concurso baixo o nome de “O talentiño”. Este certame xa non só busca premiar a os mellores músicos ou bailaríns, senón que entre os participantes o xurado seleccionará aqueles que pasarán a formar parte dun catálogo dixital de novas promesas. A “O Talentiño” poderán presentarse aqueles rapaces e rapazas da comarca de ferrolterra con idades entre 6 e 18 anos, ambas idades incluídas. Establécense dúas categorías de participación: unha para música, canto ou interpretación de Instrumentos musicais e outra para danza.
O gañador de cada categoría elixirase nun proceso de dúas rondas. A primeira fase de preselección, aberta xa, remata esta semana o 15 de abril, e consiste no envío de vídeos —subidos a YouTube— e anexos de inscrición —dispoñibles na web talentos.avcanido.org— ao correo talentocanidofest@gmail.com As propostas seleccionadas concursarán o 30 de abril nun festival que servirá de antesala ás festas dos maios. Tratarase dun festival que será presentado polos músicos ferroláns Joaquín Enríquez e Elisa Esperante e que contará como xurado con: Lucía Pérez (catante eurovisiva) Xabier Vizcaino (músico e compositor) e Eva Faraldo (profesora de música e danza). Os seleccionados pasarán a formar parte dun catálogo web de xóvenes talentos, e os gañadores obterán un vale para gastar en comercios locais.